Antonio Rosón
Antonio Rosón Pérez, nado en Becerreá o 8 de xuño de 1911 e finado na cidade de Lugo o 24 de abril de 1986, foi un avogado galego, primeiro presidente da preautonomía Xunta de Galicia antes aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981. Tamén foi o primeiro presidente da Caixa Rural de Lugo ata o seu falecemento.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]No franquismo
[editar | editar a fonte]Fillo máis vello do farmacéutico de Becerreá, Eulogio Rosón López. Estudou o bacharelato no Instituto de Lugo, estudando logo en Santiago de Compostela e Oviedo, rematando por licenciarse en Dereito pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa vida profesional en Lugo ao abeiro do seu tío Eduardo Rosón López. Na altura do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, Antonio Rosón ingresou na Falanxe[1] e no Exército golpista co grao de alférez, encargándose de labores represivos na provincia lucense.[2]
Desmobilizado en decembro de 1939, exerceu como avogado defensor en consellos de guerra. Logo participou intensamente na vida política do franquismo. Foi nomeado Delegado Provincial de Educación Popular da Falange de Lugo en maio de 1942, posto do que foi cesado en novembro dese ano.[3] Foi subxefe provincia de Falange,[1] procurador nas Cortes en representación do terzo familiar pola provincia de Lugo, durante a IX e a X Lexislatura; presidente da Deputación Provincial de Lugo entre 1949 e 1951; presidente da Cámara provincial Agraria desa provincia. Aínda foi vicedecano do Colexio de Avogados de Lugo; presidente da Comisión de Agricultura do Consello Económico e Sindical do Noroeste de España e conselleiro de FRIGSA (Frigoríficos Industriales de Galicia).
Democracia
[editar | editar a fonte]Logo da constitución da Xunta preautonómica (1977), a UCD, partido maioritario en Galiza, rexeitou a posibilidade de que un galeguista histórico a presidise. Despois de ter barallado a opción de situar como presidente a Pío Cabanillas Gallas, finalmente optou por nomear a Antonio Rosón, que fora un dos fundadores de Alianza Popular en Galicia, aínda que deseguido se afastou dela. Rosón impulsou o denominado Estatuto dos dezaseis, aberto a todas as forzas políticas, incluídas as extraparlamentarias como o Partido Galeguista recentemente reconstituído e o Partido Obreiro Galego. Porén, o intento do entón presidente do Goberno, Adolfo Suárez, para aprobar un estatuto cun conxunto de competencias inferior aos do País Vasco e Cataluña, provocou un gran malestar na comunidade galega, ao que se sumaría unha parte da UCD local e o mesmo presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, quen tentaba involucrar a unha parte do nacionalismo no proceso de creación da autonomía e foi el quen outorgou ao 25 de xullo o carácter de Día Nacional de Galicia. A UCD decidiu substituílo e, en 1979, Xosé Quiroga foi nomeado novo presidente da Xunta de Galicia.
Desfeita a UCD, Rosón uniuse ao Partido Liberal coaligado con Alianza Popular, atinxindo aínda a ser Presidente do Parlamento de Galiza na I lexislatura (1981-1985) e na súa segunda lexislatura entre 1985 e 1986, sendo substituído, pola súa mala saúde, o 13 de maio dese último ano por Tomás Pérez Vidal.
Rosón foi tamén Deputado por Lugo (1977-1979) e mais Senador tamén por Lugo (1979–1982)
Foi membro de número da Real Academia Galega de Lexislatura e Xurisprudencia. Estaba na posesión da Gran Cruz del Mérito Agrícola.
Obra publicada
[editar | editar a fonte]Rosón publicou obras fundamentalmente dedicadas a temática agraria desde perspectiva xurídica. A destacar:
- Ordenación jurídico-agraria de Gaicia (1949).
- Concentración parcelaria e patrimonio familiar. Bases de la revolución agraria gallega (1952).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Villanueva Gesteira, María Dolores (2015). A editorial Galaxia: proxecto e traxectoria 1950-1963. Santiago de Compostela: USC. p. 156. Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2022. Consultado o 11 de decembro de 2016.
- ↑ "Los Rosón, azote de Galicia". Interviú (en castelán) (107). 1978.
- ↑ López Rodríguez, Pilar; Baz Vicente, Mª Jesús (2008). "Una aproximación a Falange en la provincia de Lugo (1936-1942)" (PDF). En Universidade de Santiago de Compostela. A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela. pp. 195–219. ISBN 978-84-9887-000-8. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de maio de 2021. Consultado o 10 de setembro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antonio Rosón |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Rosón Pérez, Antonio". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Presas Sobrado, Adrián (2019). "Unha Falanxe decidida: a necesidade de controlar o poder provincial. O caso da provincia de Lugo". Elites políticas e poder local na Galicia urbana (1939-1951) (PDF) (Tese). Universidade de Vigo.
- Rodríguez-Polo, Xosé Ramón (2011): "Rosón Pérez, Antonio" en Diccionario Biográfico Español, Madrid: Real Academia de la Historia.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Lista de deputados galegos no Congreso desde a Transición
- Lista de senadores galegos desde a Transición
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1911
- Finados en 1986
- Nados en Becerreá
- Procuradores en Cortes galegos
- Presidentes da Deputación de Lugo
- Presidentes da Xunta de Galicia
- Presidentes do Parlamento de Galicia
- Deputados do Parlamento de Galicia por AP
- Deputados no Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo
- Senadores por Lugo
- Medalla de Ouro de Galicia
- Deputados do Congreso dos Deputados pola UCD
- Deputados da I Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Deputados no Congreso dos Deputados (Lexislatura constituínte)
- Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia
- Medallas do Parlamento de Galicia